Data: 08 de decembro de 2016
Lugar: Serra do Barbanza
Lonxitude: 13'5 km
Desnivel acumulado: 650 metros
Dificultade: Fácil
Típica estampa barbanzana: canón do río Pedras e unha parella de barbanzóns en primeiro termo |
Un dos roteiros máis completos e que máis nos gustan da zona é ó que nos lle chamamos "roteiro arqueolóxico do Barbanza".
Aparcamos no lugar de Aldeavella, no concello de A Pobra do Caramiñal, no acceso ás piscinas do río Pedras. Acompañados dun grupo de amigos, todos bastante abrighadiños, aínda que non tardaría en sobrarnos todo.
Están situadas no terreo entre o río San Xoán e o río Barbanza (aínda que ninguén os coñece como tal), os cales unen os seus caudais nun só río que pasa a chamarse Pedras.
O certo é que nolo atopamos moi limpiño de maleza comparado coa última vez que visitáramos estes restos. Supoñemos que non había moito que viñeran facer unha limpeza xa que todo o camiño que rodea a zona tamén estaba recentemente desbrozada.
Deixando atrás a Misarela, comezamos o asalto á parte alta da Serra do Barbanza.
Para iso temos que salvar un forte desnivel pola beira do río San Xoán. E aquí foi o momento no que gardamos as chaquetas e nos puxemos de manga curta en pleno decembro.
O mellor era xirar a cabeza e comprobar como a ganancia de altura se traducía en mellores vistas da ría de Arousa. Ou polo menos motivaba!!
Achegámonos a algunhas das piscinas e tobogáns que forma o río San Xoán, e que en días de verán están ateigadas de xente.
E aínda que nós xa comezaramos a suar, esta época do ano non invitaba nada ao baño.
Con algunha que outra breve paradiña para beber (e respirar!), chegamos a unha pequena braña que sempre nos tivo moito encanto.
Finalmente, fixemos o que quixo Anxo e fomos polo cortalumes, o sendeiro máis directo.
E houbo que darlle a razón.
E polas chans do alto da serra atopamos os seguintes restos arqueolóxicos, a mámoa do Alto das Brañas.
Evitando a estrada pola súa marxe dereita, tomamos dirección á Portela.
Pero pouco antes de chegar fixemos a parada obrigatoria para xantar e non puidemos escoller mellor sitio (o de sempre!): a camposiña que se ve ao fondo, á beira do río: con sol, sombra, herba e boas laxes para gusto de todos.
Coas enerxías recuperadas, proseguimos o rumbo cara á Portela, punto natural de acceso á Serra do Barbanza e lugar de unión de varias sendas. Así que non é de estrañar que alí nos atopemos cun cartel explicativo das rutas da zona.
Á man dereita atopámonos dous camiños que atravesan un pequeno bosque: escollendo o da dereita, desviámonos un anaco para visitar as ruínas dun eremitorio medieval.
Achamos o eremitorio, coñecido como A Corte do Santo, cuberto de matorrais, o que nos impide aprecialo na súa totalidade.
Iso si, paga a pena visitalo aínda que só sexa pola súa localización, xa que está situado no alto dun meandro e ofrece moi boas vistas do curso do río Barbanza.
Volvemos sobre os nosos pasos para continuar polo camiño da esquerda, nun lixeiro ascenso que nos volve levar a partes altas da serra.
E chegamos á zona que máis nos gusta de toda a ruta, onde o canón do río Barbanza (aínda que a xente do lugar chamámoslle a todo río Pedras) nos acompaña pola nosa dereita.
O sendeiro vai pendurado pola ladeira e serpentea entre os toxos.
O lugar sería case perfecto se non fose pola abrumadora presenza de muíños que estragan a serra.
A chavalada non para de arrimarse a todo pedrusco que se asoma, pero é que as vistas son magníficas:
Por un lado o canón do río...
...e polo outro, a ría de Arousa: Boiro en primeiro plano, séguelle Rianxo e a comarca do Salnés ao fondo presidido polo monte Xiabre.
Coa Pobra do Caramiñal aos nosos pés.
E aínda con algo de brétema, chegamos a albiscar a Illa de Arousa, a Illa de Ons e as Illas Cíes.
E moitas, moitas bateas que debuxan a nosa ría.
E así "cresteamos" seguindo un estreito sendeiro entre o mato, ata que non queda máis remedio que despedirnos do bo e comezar o descenso.
Na primeira parte da baixada, o camiño é un pedregal entre os matorrais recentemente desbrozados.
Pero axiña, tras cruzar un dos numerosos valados, o camiño transfórmase nunha pista forestal que fai zetas e máis zetas...
Xa co cansancio ao lombo, este último tramo faise longo e monótono.
Finalmente, imos dar a Entrerríos, unha aldea que fai xustiza o seu nome situada no fondo do val.
E dende alí xa só resta voltar a Aldeavella, punto de inicio, por unha pista asfaltada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario