Trilho da Cidade da Calcedónia

Data: 26 de novembro de 2016
Lugar: Parque Nacional Peneda - Gerês 
Lonxitude: 8,2 km
Desnivel acumulado: 500 metros
Dificultade: Media
Track: Wikiloc


Fenda da Calcedónia
Non podiamos perder a oportunidade de coñecer o único parque nacional de Portugal, o Peneda - Gerês, xa que ofrece moitas posibilidades para facer sendeirismo de montaña e témolo aí a un pasiño, lindando con Galicia.

Para esta primeira incursión en terras portuguesas, eliximos a zona do Campo de Gerês, preto da Albufeira de Vilarinho das Furnas.
O roteiro escollido para o primeiro día foi o Trilho da Calcedonia, ruta circular que iniciamos preto da aldea de Covide.


O día comezaba con chuvia, pero confiábamos na predicción meteorolóxica que auguraba apertura do ceo a medida que fose indo o día, así que arrancamos sen perder máis tempo.


O primeiro tramo do roteiro transcorre por un amplo camiño, ou o que vén sendo unha pista forestal de toda a vida.


Imos collendo altura a medida que o sendeiro vai perdendo comodidade e volvéndose máis agreste, aínda que en todo momento está claro e limpo. Vamos, perfecto!


Logo de atravesar unha pequena ponte, circulamos á par do río arredor dun kilómetro, e aínda que non o viamos, si oiamos a auga correr cara abaixo, chegando tamén a distinguir algunha fervenza ao lonxe.
E cando botamos un vistazo abaixo, alí vimos un pequeno salto de auga co seu pozo.


Divisamos arriba o cume Curvaceira, primeiro obxectivo da xornada. Para chegar ata alí a subida vaise facendo máis pronunciada.


Chamounos a atención este gran penedo, baixo o cal aproveitamos para facer un breve descanso no medio da ascensión. De feito, un murete de pedra fainos pensar que se usa a miúdo para facer vivac.


Sen perder moito máis tempo seguimos ascendendo ata ter xa a tiro de pedra o cume Curvaceira.


Alí ao alto, botamos unha ollada á paisaxe que nos rodea, chegando a albiscar ao fondo os montes nevados da parte este da Serra do Gerês.


Probamos a subir o Curvaceira, primeiro seguindo o camiño e onde este se perdía, seguindo o rumbo que nos parecía máis fácil e accesible. Así ata que chegamos a un punto no que decidimos parar e desistir, as pedras molladas e algo resbaladizas non nos daban confianza.


Polo que proseguimos o roteiro cara á fenda da Calcedonia, outro dos alicientes desta ruta. Pero antes pasamos por estes "penedos figurantes", onde destaca o que recorda a un home de perfil.


Puro Gerês: penedos e máis penedos que debuxan a paisaxe.


A chuvia, lonxe de amainar, ía cada vez a máis. Así que aproveitamos algunha cova para refuxiarnos uns minutos mentras roíamos algo.


Pero a choiva non cede e non queda máis que seguir camiñando baixo o aguaceiro.
Non nos queda moi claro cal é o percorrido habitual da fenda, pero fomos a atopar o que supoñemos que é a "entrada", que está máis baixa.


Con todo mollado e embarrado, non invitaba a volver atrás e meterse gratuitamente pola fenda, pero os rapaces non querían quedarse outra vez cas ganas e animáronse a entrar.
A fenda vai dar a unha zona alta da que entendemos que se baixa e se pode proseguir o camiño, polo que o ideal sería facer o percorrido no sentido inverso ó elexido por nós.


Rematada a proeza dos chavales, proseguimos o camiño e comezamos o descenso, parándonos de cando en vez a contemplar o panorama que desde esta zona se divisaba.


A pesares de que o percorrido transcorre por paraxes moi peladas no que respecta ás árbores, nas zonas máis frondosas puidemos disfrutar dun outono aínda moi presente.


Despois de varias horas de camiñata, a fame apretaba, pero a auga cubría todo e ningún sitio se prestaba para comer... Así que decidimos apurar, non entreternos moito e xantar ao final.
Comezamos un apicuado descenso entre grandes bloques repletos de musgo e algún carballo. Quizáis a parte da ruta máis bonita.


Como estaba todo empapado, había que ter coidado nas zonas de laxes lisas, pero sen máis foise descendendo cara o punto de inicio.


E así, empapados de arriba abaixo e cunha fame neghra, rematamos esta xornada de sendeirismo marcada pola chuvia, feito que nos impediu alcanzar varios dos obxectivos do día e completar a ruta tal e como tiñamos pensado.
Aínda así, non podemos dicir que foi unha mala experiencia!

Ningún comentario:

Publicar un comentario