Circular Fervenza do Toxa - Mosteiro de Carboeiro

Data: 24 de setembro de 2016
Lugar: Comarca do Deza
Lonxitude: 12 km
Desnivel acumulado: 550 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc


Fervenza do Toxa
Ruta circular que se move entre os concellos de Vila de Cruces e Silleda, separados polo río Deza, e que conta con varios puntos de interés como a Fervenza do Toxa ou Mosteiro de Carboeiro.

En canto ao percorrido, pódense escoller varios puntos de partida desta ruta circular: algunha aldea por onde pasa, o Mosteiro de Carboeiro, etc, pero nós decidimos iniciala na parroquia de Merza, no concello de Vila de Cruces.
Dende alí collemos dirección cara á coñecida fervenza do río Toxa.


Este primeiro tramo é un lixeiro descenso ata o val que forma o río Deza, é que ao pouco se abre ante nós. Aínda que na foto non se nota moito, o rio queda bastante pechado polas ladeiras de pedra que foi escavando.


Atravesamos o río Deza por unha ponte de ferro, onde o mellor son as vistas que temos ao mirar para ambos lados.


Como amantes das alturas, botamos unha ollada abaixo: aínda levaba auga o río, e iso que acaba de rematar o verán máis seco que se recorda en Galicia...


Cruzado o río Deza, tocaba ascender pola beira do seu afluente: o río Toxa, dono e señor da famosa fervenza.


A sensación de "selva" que produce a fraga arredor do río é do mellor desta ruta.


Achegámonos a algún pequeno salto de auga, un aperitivo do que nos esperaba metros arriba.


O roteiro non deixaba de sorprendernos, con recunchos que parecían estar sacados dalgún conto...
Este sendeiro tiña máis que ofrecer do que esperabamos.


E chegamos á base da fervenza do río Toxa, onde nos recibe un merendeiro que, na nosa opinión, sobra nun entorno que xa de por sí é fantástico.


 Eu xa estivera facía anos, pero a verdade é que non a recordaba nin a metade de impresionante.


Dende alí subimos ata o seu mirador, onde se pode contemplar a fervenza dende arriba. Tamén cabe mencionar o desastre de "pavimentación" que fixeron no mirador.


Aquí apréciase a diferencia de altura que ten que salvar o río neste abrupto terreo, e tamén un cachiño da ponte do AVE, que desgraciadamente domina a paisaxe.


Neste punto separámonos do roteiro oficial e atallamos pola canle de auga que está xunto ao mirador, descendendo por unhas escaleiras. Tivemos que atravesar uns túneles cavados na rocha, agachándonos en algunha ocasión, o que resultou bastante divertido!


Esta canle pon que é para uso exclusivo do persoal de mantemento, pero a tentación era moi forte.


Finalizado este tramo, tivemos que atravesar un camiño con algo de maleza, xusto por debaixo da ponte do AVE. E pouco despois desviámonos do camiño para visitar a antiga central hidroeléctrica, que aínda que en si mesma non era moi bonita, si o era o seu entorno.



Logo desta paradiña, poñemos rumbo ao Mosteiro de Carboeiro. Foi este o cacho máis aburrido de todo o roteiro, onde pasamos por unha pequena aldea e subimos logo por unha pista asfaltada que nos levou direitos ao Mosteiro.


Pagando un euro por persoa podes entrar ao templo e facer unha imitación do video de Enrique Iglesias.


Dance, dance... Dance, dance... 


Aproveitamos para subir e baixar as 200 escaleiras en forma de caracol que hai en cada unha das dúas torres, aínda que tampouco é que gocen de moi boas vistas.


Logo da paradiña para comer nos exteriores do mosteiro, exploramos un pouco a zona curioseando pola súa senda botánica, onde están sinalizadas distintas especies de árbores e arbustos.


O circuito botánico pasa preto dun muíño á beira do río, aínda que o máis destacable é a atmosfera da zona.


E reiniciamos a ruta, seguindo o camiño cara a coñecida Ponte do Demo.


A ponte de orixe medieval ten asociadas varias lendas sobre a raíz de tan curioso nome.
Aquí o enlace a unha delas: Lenda da Ponte do Demo


E volvemos pasar por riba do río Deza para voltar á marxe na que comezamos.


 Nun último vistazo podemos atisbar, ao alto, o cume do mosteiro.


A partir de aquí, o sendeiro ascende e descende varias veces, aumentando o cansancio que neste treito final do roteiro xa se ía acumulando, sobre todo despois da falta de actividade que tivemos no verán.


Así ata chegar á area recreativa da Carixa, na parte final da ruta.
Desviándonos un pouco río arriba atopámonos coa "Ponte do Arco da Carixa", xusto ao lado de onde uns iluminados decidiron colocar a ponte por onde pasa a estrada. Sen comentarios.
O arco era a mínima expresión dunha ponte, pois mesmo "se vía o día" entre as súas pedras.


E de alí ata o punto de partida só nos quedaba seguir a estrada a Reboredo e logo de novo ata a aldea de Merza, dende onde partimos.

O certo é que o roteiro sorprendeunos moi gratamente, eu cría que, fóra da fervenza e do mosteiro, a ruta non nos ía ofrecer moito máis. Que equivocada! Pese a todos os aspectos negativos que resaltamos (todos eles asociados ao cemento), a actividade é 100% recomendable!








Ningún comentario:

Publicar un comentario