Canón e pasarelas do río Mao

Data: 12 de xuño de 2016
Lugar: Ribeira Sacra - Ourense
Lonxitude: 19 km
Desnivel acumulado: 800 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc

Pasarelas do río Mao
Ruta circular polo canón e as pasarelas do Río Mao, afluente do río Sil: un recorrido moi variado e interesante para facer sendeirismo pola Ribeira Sacra.

Saímos de Forcas, unha aldea de Parada de Sil situada a 800 metros, o que supón a altura máis alta do percorrido. Dende alí descendemos cara ao sur. No primeiro tramo do camiño tivemos que lidiar coas herbas altas e os bichos que por elas andaban, que nesta época do ano eran bastantes.


Hai que desviarse do camiño principal uns 300 metros para chegar ao primeiro punto de interese: a ponte de Canceliñas.


A ponte cruza o río Mao, o cal iremos seguindo boa parte da ruta.


Guiándonos polas marcas do PR-G 177 volvemos atrás, regresando así á canle nova, a cal tivemos que seguir un bo anaco que se nos fixo algo tedioso.


Por sorte, o panorama cambiou ao chegar á canle antiga, que bordea o canón do Mao e xa nos ofrece moi boas vistas.



Sempre andamos buscando comparativas entre rutas; neste tramo, á miña cabeza veu o roteiro polo canón do río Eume; ningunha das dúas apta para persoas con vertixe!


A panorámica do canón que formou o río Mao e que nos quedaba por percorrer.


Foi esta unha das partes do roteiro que máis me gustou e non só polas vistas, senón tamén polas formas que facía o camiño.


A primavera tan chuviosa deste ano fixo que todo estivera rebosante de verde.


De verde... E de auga.


O percorrido pasa por esta casa abandonada. Preto dela, unha gran serpe cruzousenos no camiño. Foi algo rápido e non puidemos determinar de que especie se trataba, pero eu nunca vira unha de tal tamaño. Temblábanme as pernas!


Pasado o susto da serpe (e varios minisustos cada vez que se movía algo entre as herbas), chegamos á necrópole de San Vítor de Barxacova, restos arqueolóxicos dunha capela medieval e unhas tumbas cavadas na pedra.


Dende o alto da capela da necrópole apreciamos con claridade o tamaño das tumbas.


Continuando o camiño chegamos á antiga central hidroeléctrica A Fábrica da Luz, agora reconvertida en albergue. Aquí é onde comezan as famosas pasarelas do río Mao.


O certo é que as pasarelas lle daban encanto á paisaxe, pero a súa accesibilidade e crecente fama sitúaa xa no punto de mira dos domingueros, e non nos gusta iso :P


As pasarelas terminan na parte baixa do río, non moi lonxe da súa desembocadura no río Sil.


Achegándonos ao punto onde ambos ríos se unen, o Sil adéntrase no Mao ancheándolle o seu surco.


E tocaba ascender o baixado. Todo o desnivel do percorrido realízase neste cacho, na última parte do roteiro. Isto supón chegar á subida con moitos kilómetros ao lombo, e notouse. Non temos nin fotos porque estaba ocupada intentando non botar os pulmóns fóra. Iso si, unha vez arriba, contemplamos as vistas


Chegar arriba foi todo un alivio. Sen dúbida, prefiro que o tramo se subida sexa ao principio, cando aínda vou fresca.
Pero unha vez alí, tan só quedaban uns kilómetros en terreo chan ata chegar de novo a Forcas.


Como xa indicamos, foi unha ruta interesante e variada. Quizais algo longa de máis para o meu gusto, xa que case se chegan aos 20 km (vale, con algunhas equivocacións no camiño, pero aínda así).
Dende hoxe establezo as norma de rutas de sendeirismo que non superen os 17 km.

Ningún comentario:

Publicar un comentario