Pico Cuiña (1992 m) e Pico Campanario (1906 m)

Data: 30 de abril de 2016
Lugar: Serra dos Ancares
Lonxitude: 11 km
Desnivel acumulado: 578 metros
Dificultade: Moderada
Track: Wikiloc

Ao fondo dereita, Dos Hermanitos, e Cuiña na parte central da imaxe.
Primeiro dos dous días que botamos na Serra dos Ancares, e para a ocación escollemos ascender ata o seu pico máis alto: o Cuiña. De paso, e para darlle emoción, cresteamos ata chegar ao pico veciño, o Campanario, tamén coñecido como Dos Hermanitos.

Iniciamos a ruta no Puerto de Ancares, fronteira entre Lugo e León e a unha altura de 1.669 metros. E ben que se notaba esa altura, eran xa case as 11 da mañá cando arrancamos, pero facía un frío que pelaba, de feito, incluso caían algúnhas folerpas.
As primeiras vistas, con todo xeado.


Aos poucos pasos xa nos decatáramos dunha cousa: encántannos os Ancares! Toda a cordilleira ten un ambiente de montaña moi agradable, cun longo cordal que se ramifica aquí e alá.


O camiño ata a cima do Cuiña non ten perda nin dificultade algunha, xa que está moi marcado. O único aspecto a ter en conta é o estado da neve que nos atopemos, e desta vez estivemos de sorte; nin demasiado dura, nin papa coma a que tivéramos facía un mes en Pena Trevinca.


Todo o percorrido transcurre por unha suave cresta moi fácil de andar, polo menos no estado no que nola topamos.


Bordeamos Peña Venera deixándoa á nosa esquerda, aínda que tamén se podería subir nun momentiño.


A cresta que vimos seguindo rompe de repente pola vertente oeste, deixándonos unha vista moi chula.


Unha das mellores cousas destas rutas por cresteríos son as súas constantes vistas panorámicas.


Non debemos confundir o pico ao final dos cortados, non se trata do Cuiña que está un pouco máis lonxe, senón dun alto no camiño do que non atopamos nome.


Superado este, agora si vemos o Cuiña a tiro de pedra!


As vistas xa eran formidables, pero á última costa petada de neve tamén lle chegaba. 


Decidín calzarme os crampóns, xa que me sinto máis cómoda con eles nesas circunstancias, pero non eran imprescindibles; Anxo, de feito, non os puxo en ningún momento.


Anxo por unha rampa sen neve, co pico Campanario de fondo, que viña chamando por nós durante todo o traxecto.


Ao pouco, e con algunha paradiña para coller folgos, a cima do Cuiña: o pico máis alto dos Ancares! Como petaba o vento!!


As vistas dos obxetivos do día seguinte son impoñentes! Mustallar á esquerda e Penalonga á dereita, seguidos por numerosos cumes dos Ancares, e ao fondo cremos distinguir o Courel.


Antes da baixada á cresta que nos levaba ata Dos Hermanitos, puidemos ver un rebeco correteando entre as pedras. De cando en vez botábanos unha ollada, e nós quietiños para non asustalo. Chegou a estar como a 10 metros! Pena da foto que se perdeu, pero eh, quedou gravado nas nosas retinas.
E en canto marchou, puxémos rumbo ao segundo pico do día.


A cresta que une o Cuiña con Dos Hermanitos non é gran cousa en canto a dificultade ou exposición, pero ten máis chicha que a que nos trouxo ata o Cuiña. Iso si, fíxoseme máis longa do que me parecera lendo outras recensións e vendo fotos.
Cada vez más preto do noso particular Pedraforca ;)


Unha das partes máis impresionantes da cresta é a gran canal que se abre cara o norte, pouco antes de chegar a Dos Hermanitos.


Este foi, quizais, o paso máis complicado que atopamos, xa que era obrigatorio botar as mans e tiña certo grao de exposición, pero sobraban agarres. Todo o demais, pouca cousa.


Despois duns pasos sobre unha ladeira con neve moi dura, chegamos á subida final a Dos Hermanitos. Tan sinxelo como andar todo dereito cara arriba sen maís complicacións.


Chégase primeiro ao Hermanito pequeno, e tan só un modesto collado nos separa do segundo Hermanito, que é a verdadeira cima a 1906 metros. As vistas son boas en calquera dirección, pero as que máis chaman a nosa atención son estas, onde se ve o camiño de volta ata o Cuiña, ademáis de Mustallar e Penalonga.


Ao volver tendemos a ir directamente pola parte máis alta da cresta,  que resultou ser máis rápido e cómodo que a traza de sendeiro a media ladeira usado na ida. A arista é tan ancha que en ningún momento se ten sensación de patio, pese a ter caída por ambos lados en puntos moi concretos.


A nosa intención era, para a volta, baixar ata o Lago Cuiña, pero a neve estaba demasiado branda, e non era moi recomendable. Ademais, pouco iamos poder disfrutala, xa que estaba practicamente cuberta polo manto branco, polo que nos conformamos con vela dende arriba. Ou intentar vela, xa que costou identificala. Na foto aprécianse uns furados escuros na neve, é todo o que se podía adivinar da lagoa! Unha pena, co fan que son eu.


Así que aí estábamos, subindo de novo ao Cuiña e meténdolle máis desnivel do plantexado ao corpo (aínda que tampouco foi tanta cousa, eh). Dende aquí aprécianse ben os seus cortados.


E despois de recuncar no cumio do Cuiña, iniciamos o descenso polo mesmo camiño de subida. Uns prefiren a seguridade de pisar en rocha, outros o descanso que supón baixar pola neve.


Algunha mirada atrás para disfrutar do camiño percorrido.


Foi este un ano de neves tardías, e ben que se notaba. Ás portas de maio e había unha boa cantidade en estas alturas, a menos de 2.000 metros. E iso que os días previos mallara o sol e a calor e, segundo nos contou a xente da zona, xa se fora bastante.


Xa de volta, sorprendeunos a transformación que sufrira a paisaxe durante as horas de roteiro: o que na ida era gris, branco, xeado, na volta tinguiuse de verde.


Moi cerca do aparcadoiro sitúase unha caseta, que supoñemos que será un refuxio, e onde aproveitamos para descansar, picotear e disfrutar das vistas.


Unha ruta non demasiado longa, nin na que se acumule moito desnivel, pero si unhas vistas fantásticas e un par de cumios interesantes. Só a ter en conta o estado da neve que atopemos e algún pasiño a superar na cresta Cuiña- DosHermanitos, todo moi sinxelo para calquera habituado a andar un pouco en montaña.

E temos que dicir que adicamos esta entrada ao montañeiro de Touro tan agradable que atopamos na cima do Cuiña, e que nos sinalou tódolos montes que dende alí se vían: Manzaneda, Pena Trevinca, Sierra de la Cabrera, e incluso os cumios de Somiedo e Peña Ubiña...  Graciñas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario