Pico Miro (1990 m) e Lagunas de Fasgueo

Data: 08 de marzo de 2017
Lugar: Alto Sil - O Bierzo
Lonxitude: 10 km
Desnivel acumulado: 890 metros
Dificultade: Díficil
Track: Wikiloc

Lagunas de Fasgueo, conxeladas
Ruta circular polo Alto Sil, onde ascendemos ata o Pico Miro e visitamos as Lagunas de Fasgueo, no linde entre León e Asturias.

A ruta parte da Braña de Susañe, no municipio de Páramo de Sil. De camiño ata alí tan só viamos as zonas máis altas tinguidas de branco, e logo de cero neve na xornada anterior en Pena do Seo, non contabamos con moita cousa.
Deixamos o coche onde ben puidemos a un lado da estrada (Nota: ollo ao cruzar, como lle pisa esta xente!), e ao xirar a cabeza... Pancadote de neve!


Botamos a andar, primeiro por un terreo que facía honra ao seu nome (vese que o de chamarlle braña non era ao azar).
Logo o sendeiro comezaría a ascender entre o mato, e sumándolle que o sol comezaba a asomar, toda a roupa de abrigo que levábamos foi gardándose na mochila.


Chegamos á campa, tamén embrañada, onde lle botamos un ollo á subida á golada. Si, parecía que a cousa se ía complicar un pouco (e aí aínda non sabíamos canto!


Sen tocar aínda a neve, seguimos avanzando mentres este sol de inverno nos ía quecendo cada vez máis.


Ao lonxe vese a ruta natural que pasa pola vagoada da dereita. Dende aqui parece que hai pouco desnivel e neve, pero non nos podíamos imaxinar canto nos ía custar este tramo.


E aquí chegou o que foi para min o peor da ruta. A forte ascensión xuntouse coa neve branda, o que nos causou un gran agotamento físico e psicolóxico. Nin calculamos canto tempo tardamos en facer este pequeno tramo de distancia, pero moito, moito.


Turnándonos para abrir pegada... Afundíndonos ata a rodilla e máis...


Intentamos achegarnos a unha zona máis limpa de neve, avanzamos un anaco por alí pero esta solución tampouco nos convenceu.


Polo que nos metemos de novo á neve, esta vez sen medias tintas. Se había que pisala, que fora de cheo!


Cando cheguei á golada, nin mo cría. Á nosa esquerda, e aínda a un bo treito, tiñamos o Pico Miro, un traxecto que logo habería que desfacer para tirar pola cresta da nosa dereita, e que nos levaría ás Lagunas de Fasgueo.
Así que aquí unha servidora renunciou ao primeiro obxectivo do día, o Pico Miro, e tomei un descanso ao sol de marzo mentres Anxo continuaba coa ruta marcada.


A matacaballo: Anxo percorre o último tramo da ascensión ata o Pico Miro, un cumio que polo visto parece un mercadillo con todo o que alí ten: vértice xeodésico, buzón, cartel e virxe.


Ademais, dende o Pico Miro pódese contemplar o Pozo Cheiroso, que nesta época se atopaba conxelado.


Volvendo sobre os seus pasos, reunímonos de novo e proseguimos o camiño pola outra dirección da cresta. Sabíamos que o Cornón de Busmori quedaba a tiro de pedra, pero non queríamos perder máis tempo así que seguimos sen máis ata as Lagunas de Fasgueo.


E por fin divisamos as dúas lagoas dende arriba; ao igual que Pozo Cheiroso, tamén se atopaban conxeladas. A verdade é que nin tempo me dou a recrearme nas vistas, o primeiro que me veu á cabeza foi "e por aquí por onde baixamos??!! E como? A rolos?"


Pois nada, houbo que mentalizarse e idear un plan: na primeira parte, a zona máis alta e tamén a máis inclinada (nalgún momento, case vertical), puxémonos cara a pendente e clavando os pinchos pouco a pouco.


O resultado? Un subidón de adrenalina, algún resbalón no momento máis tonto (aínda non lle pillei o truco de todo), e cero rasbuños. Xenial!!


A recompensa: aos pés da lagoa superior. A primeira lagoa conxelada que vemos na nosa vida!


Non podemos deixar de sacarlle fotos, vela desde distintos ángulos... o circo que garda a primeira lagoa é un espectáculo tamén!


Na lagoa inferior, logo de atravesar o montículo que separa ámbalas dúas.


E despedímonos delas. Aínda que me gustaría repetir esta ruta noutra época do ano (sen desmerecer o encanto desta!).


Logo da visita ás lagoas, tan só nos quedaba descender ata a estrada. Uns metros máis abaixo das lagoas a neve comezaba a desaparecer, e xa chegando á estrada o camiño metíase de novo entre o mato.
Aproveitamos para apurarlle o paso, quedaba unha hora de luz e o día complicárasenos tanto que nin comeramos!


O que rendiron 10 km de distancia! Se me din que fixeramos 20, creríamo.
Así que desta xornada lévome lección daquel refrán que di "as contas da casa non van cas da plasa" xa que non é só válido para a economía doméstica, senón que tamén se pode aplicar ás xornadas pola montaña.


Ningún comentario:

Publicar un comentario