Roteiro arqueolóxico do Barbanza

Data: 08 de decembro de 2016
Lugar: Serra do Barbanza
Lonxitude: 13'5 km
Desnivel acumulado: 650 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc

Típica estampa barbanzana: canón do río Pedras e unha parella de barbanzóns en primeiro termo
Este blog comezou coa idea de mostrar as nosas rutas de sendeirismo, principalmente pola comarca do Barbanza que é por onde nos movemos. Pero saída por aquí, saída por alá, temos a nosa serra abandonada.
Un dos roteiros máis completos e que máis nos gustan da zona é ó que nos lle chamamos "roteiro arqueolóxico do Barbanza".

Aparcamos no lugar de Aldeavella, no concello de A Pobra do Caramiñal, no acceso ás piscinas do río Pedras. Acompañados dun grupo de amigos, todos bastante abrighadiños, aínda que non tardaría en sobrarnos todo.


Imos avanzando, primeiro por unha pequena pista forestal e logo por unha antiga calzada, ata atoparnos cos primeiros restos arqueolóxicos: o petroglifo da Misarela.


Axiña temos que cruzar a ponte medieval, onde a calzada toma dúas direccións, e nós eliximos a da esquerda.


De seguida atopamos as ruínas do convento da Misarela, formadas por diversas construccións e canalizacións.
Están situadas no terreo entre o río San Xoán e o río Barbanza (aínda que ninguén os coñece como tal), os cales unen os seus caudais nun só río que pasa a chamarse Pedras.


O certo é que nolo atopamos moi limpiño de maleza comparado coa última vez que visitáramos estes restos. Supoñemos que non había moito que viñeran facer unha limpeza xa que todo o camiño que rodea a zona tamén estaba recentemente desbrozada.


Deixando atrás a Misarela, comezamos o asalto á parte alta da Serra do Barbanza.
Para iso temos que salvar un forte desnivel pola beira do río San Xoán. E aquí foi o momento no que gardamos as chaquetas e nos puxemos de manga curta en pleno decembro.


O mellor era xirar a cabeza e comprobar como a ganancia de altura se traducía en mellores vistas da ría de Arousa. Ou polo menos motivaba!!


Achegámonos a algunhas das piscinas e tobogáns que forma o río San Xoán, e que en días de verán están ateigadas de xente.
E aínda que nós xa comezaramos a suar, esta época do ano non invitaba nada ao baño.


Con algunha que outra breve paradiña para beber (e respirar!), chegamos a unha pequena braña que sempre nos tivo moito encanto.


Alí fixemos unha asamblea constituinte para decidir por onde facer o último tramo da última subida.
Finalmente, fixemos o que quixo Anxo e fomos polo cortalumes, o sendeiro máis directo.


- A ver, valeu a pena ou non?
E houbo que darlle a razón.


E no Alto das Brañas, aproveitamos a atalaia natural para roerlle algo e repoñer enerxías logo de toda a rampa.


Avanzamos polo alto do Barbanza, nun primeiro momento polas pistas habilitadas para os malditos eólicos, aínda que intentamos fuxir deles canto antes e buscar alternativas menos "urbanizadas".


E polas chans do alto da serra atopamos os seguintes restos arqueolóxicos, a mámoa do Alto das Brañas.



Evitando a estrada pola súa marxe dereita, tomamos dirección á Portela.
Pero pouco antes de chegar fixemos a parada obrigatoria para xantar e non puidemos escoller mellor sitio (o de sempre!): a camposiña que se ve ao fondo, á beira do río: con sol, sombra, herba e boas laxes para gusto de todos.


Coas enerxías recuperadas, proseguimos o rumbo cara á Portela, punto natural de acceso á Serra do Barbanza e lugar de unión de varias sendas. Así que non é de estrañar que alí nos atopemos cun cartel explicativo das rutas da zona.


Á man dereita atopámonos dous camiños que atravesan un pequeno bosque: escollendo o da dereita, desviámonos un anaco para visitar as ruínas dun eremitorio medieval.


Achamos o eremitorio, coñecido como A Corte do Santo, cuberto de matorrais, o que nos impide aprecialo na súa totalidade.


Iso si, paga a pena visitalo aínda que só sexa pola súa localización, xa que está situado no alto dun meandro e ofrece moi boas vistas do curso do río Barbanza.


Volvemos sobre os nosos pasos para continuar polo camiño da esquerda, nun lixeiro ascenso que nos volve levar a partes altas da serra.


E chegamos á zona que máis nos gusta de toda a ruta, onde o canón do río Barbanza (aínda que a xente do lugar chamámoslle a todo río Pedras) nos acompaña pola nosa dereita.


O sendeiro vai pendurado pola ladeira e serpentea entre os toxos.


O lugar sería case perfecto se non fose pola abrumadora presenza de muíños que estragan a serra.



A chavalada non para de arrimarse a todo pedrusco que se asoma, pero é que as vistas son magníficas:
Por un lado o canón do río...


...e polo outro, a ría de Arousa: Boiro en primeiro plano, séguelle Rianxo e a comarca do Salnés ao fondo presidido polo monte Xiabre.


Coa Pobra do Caramiñal aos nosos pés.
E aínda con algo de brétema, chegamos a albiscar a Illa de Arousa, a Illa de Ons e as Illas Cíes.
E moitas, moitas bateas que debuxan a nosa ría.


E así "cresteamos" seguindo un estreito sendeiro entre o mato, ata que non queda máis remedio que despedirnos do bo e comezar o descenso.


Na primeira parte da baixada, o camiño é un pedregal entre os matorrais recentemente desbrozados.


Pero axiña, tras cruzar un dos numerosos valados, o camiño transfórmase nunha pista forestal que fai zetas e máis zetas...
Xa co cansancio ao lombo, este último tramo faise longo e monótono.


Finalmente, imos dar a Entrerríos, unha aldea que fai xustiza o seu nome situada no fondo do val.
E dende alí xa só resta voltar a Aldeavella, punto de inicio, por unha pista asfaltada.


E despedímonos dunha moi boa xornada de camiñata, nunha das rutas imprescindibles da Serra do Barbanza e que non chega a aburrirnos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario