Ruta da Pedra e Da Auga - Ruta do río San Martiño

Data: 1 de novembro de 2016
Lugar: Ribadumia - Meis (Comarca do Salnés)
Lonxitude: 15 km
Desnivel acumulado: 430 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc


Un dos moitos muíños que nos atopamos na Ruta da Pedra e da Auga
Tan preto e tan lonxe, a comarca Salnés é unha descoñecida para nós.
Quixemos estrenarnos na zona cun dos seus roteiros estrela: a ruta da Pedra e da Auga, na que ascendemos o río Armenteira e os seus máis de 50 muiños, e facer a volta polo río San Martiño, unindo así estas dúas rutas.

Comezamos no aparcadoiro da rotonda de subida ao Armenteira, concello de Meis, aforrando así un tramo do roteiro oficial que non nos tiña moito interés. Dende alí iniciamos o ascenso do río Armenteira, a coñecida como "Ruta da Pedra e da Auga, o PR-G 170.


O día amezaba malo, e comezamos a andar con choiva lixeira.


Non tardamos en atoparnos cos primeiros muíños nunha zona cunha esplanada de herba na que se atopa tamén unha cafetería.


A ruta pasa pola "aldea labrega", composta por unhas esculturas que recreaban a vida do rural e as súas xentes, pero a maneira da que estaba feita tampouco é que nos flipara, a verdade, e nin foto lle quitamos.


Hai zonas onde o río embalsa nas presas dos muíños e crea postais moi chulas.  As zonas de camiño empedrado coas follas do outono fan a delicia dos instagrammers (coma min).


Un panel que nos indica os muíños que nos iamos atopar a partir de alí: 33! Máis os que xa deixáramos atrás... Imaxinámonos o importantes que tiñan que ser os muíños de río no pasado, e esta zona debía ser unha especie de centro industrial de moído.


Parece que ó final o día vai abrir, pero de momento hai unha feble brétema que lle da ao camiño algo especial.


O camiño é moi cómodo case na totalidade do percorrido, permitindo un ritmo rápido. Tanto é así que vemos como os veciños do lugar usan o roteiro como a súa particular "ruta do colesterol".


As acacias dominan gran parte do percorrido e non estamos acostumados a ver exemplares tan grandes.


Os traballos en pedra están por todos lados, e o camiño transcorre entre muros e ruínas nalgún tramo.


Sabíamos do popular da ruta, e non é de estrañar pois é realmente chula, tanto pola concentración de muíños, como polas súas zonas virxes.


Unha infinidade de pozas naturais que se intercalan cas zonas de explotación humana.


Chámannos moito a atención as canalizacións que conducen a auga para os rodicios (as turbinas dos muiños). Nesta zona son aéreas e deixan caer o caudal a plomo.


Coa chegada ao Mosteiro de Armenteira, finalizamos a primeira parte da ruta, e sen dúbida a máis bonita. Agora podemos dicir que paga a pena facer a volta polo mesmo lugar, probando sorte pola outra marxe do río Armenteira. Pero daquela aínda non o sabiamos, así que iniciamos a marcha que nos leva ata o río San Martiño.


A transición entre unha e outra ruta non ten maior interés que as vista que ofrece no alto por onde pasa. Podemos ver toda a ría de Arousa coa serra do Barbanza ao fondo. Este tramo faise un pouco triste comparado co que vimos de pasar. Explotación de eucalipto e toxeiras conforman agora a paisaxe.


Apuramos o paso para chegar o máis axiña posible ó Río San Martiño, onde nos volvemos atopar coa paisaxe que viñemos buscando.


O San Martiño é un río máis pequeno que o Armenteira. O seu camiño, aínda que non tiña pérdida e estaba perfectamente marcado, non estaba tan preparado nin transitado coma o anterior.


Esta zona tamén ten o seu encanto, con algún pequeno salto de auga, piscinas naturais...



Atopamos algunha ponte e pasarela de madeira nas zonas con dificultades, no que parece un intento por facer a ruta accesible a máis xente.


E volvemos a ver outra canalización das que viñamos falando. Esta tan alta quedou bautizada como "O acueduto galego"



E xa na parte final, o roteiro volve afearse un pouco, atravesando varias aldeas e tendo que cruzar algunha estrada. Especialmente molesto foi o tramo no que camiñamos pegados á autovía.


Por sorte o último quilómetro faise de novo á beira do río, ata que chegamos ao aparcamento onde comezamos.


A conclusión que quitamos é que, pese a que o río San Martiño tamén nos gustou, o tramo de transición e o anaco final entre aldeas, leiras e a Autovía fai que non pague a pena enlazar os dous roteiros. Se volvéramos pola zona, subiríamos o Río Armenteira por unha marxe e probaríamos a baixar pola outra, evitando alonxarse do río.

Ningún comentario:

Publicar un comentario