Pico Mustallar (1.934 m) e Pico Penalonga (1.870 m) desde Piornedo

Data: 01 de maio de 2016
Lugar: Serra dos Ancares
Lonxitude: 15 km
Desnivel acumulado: 1000 metros
Dificultade: Fácil
Track: Wikiloc

Mustallar á esquerda e Penalonga á dereita, vistos dende o Cuiña.
Segundo día na Serra dos Ancares, e tocaríalle subir algunha cima galega, ou? E cal ía ser senón, a que din ser a montaña máis bonita dos Ancares e teito da provincia de Lugo: Mustallar!

Comezamos a ruta na aldea de Piornedo, situada a 1.145 metros de altura. Dende alí, e cos primeiros raios de sol, collemos o camiño que parte desde detrás da igrexa.
Ao principio, seguíannos dous cans da aldea que parecían ter a intención de acompañarnos todo o camiño. Polo visto é algo habitual segundo lin noutras recensións, pero nós conseguimos que volveran atrás.


O camiño marcha ás veces pechado entre xestas e uces, outras por verdes camposas. Por momentos alcanzábase a ver perfectamente o principal obxectivo do día, o Mustallar que, no mes de maio, aínda conservaba grandes neveros.


A ruta é unha constante pero levadeira ascensión, tan só interrumpida polo descenso que nos leva ata Campo Redondo.


Campo Redondo trátase dun fondo de val chan, onde imaxinamos que o glaciar morría en algunha época. Agora trátase dunha agradable camposa cruzada polo Río da Vega Cimeira.


Cruzámolo río por unha pequena ponte de madeira, que a dicir verdade non daba moita confianza con tódalas táboas soltas.


Seguimos subindo por unha leve costa empedrada. Toda esta paisaxe (orografía, flora, tipo de senda...) recordounos moito á que nos atopamos na nosa ruta ao Vizcodillo o ano anterior.


Pronto chegamos a un val, onde se localiza a coñecida como a Cabana do Extremeño. Dende aquí divísase perfectamente o Mustallar separado do Penalonga polo collado da esquerda, que é a onde nos diriximos.


Neste val atopámonos cos primeiros neveros, que aínda resistían a calor.


 Dende alí subimos á Mallada do Mustallar, o nome que recibe o collado que une Penalonga, á esquerda, e Mustallar, á dereita.


Neste collado xa comezan a abrirse as vistas, pero aínda quedaba o tramo máis duro: a subida ata a cima do Mustallar. Todo recto, pegado ao valo, e con algúns cachos con bastante pendente... Eu fun facendo pequenas zetas para non machacar moito as pernas, e pouco a pouco, fomos chegando.
Chama a atención o esforzo por construir este valado, que ten por obxectivo impedir que se despeñe o gando, e en condicións de máis neve seguro que tamén aporta seguridade aos montañeiros nesta rampa final.


No cumio, polo menos ao primeiro, estábase extraordinariamente ben: nada de vento e todo para nós! Foto obrigada coa cabra e o gran hito.


O val de Burbia dende un dos saíntes da montaña, Sentámonos para deleitarnos un rato.


As vistas co enorme cortado da súa cara leonesa son de impresión, aumentando as sensacións que produce a cima. Quedamos maravillados, e xa comezamos a falar da "mellor montaña galega"...


As favorables condicións permitíannos ver puntos tan afastados como Peña Ubiña, que chama a atención no horizonte e que xa figura como destino e protagonista da seguinte excursión que fagamos.


Pouco despois comezou a chegar xente e, oh sorpresa, tamén os dous cans que nos seguiran ao principio. Seica atoparan outros excursionistas aos que acompañar. Seguramente sexan os seres vivos con máis ascensións ao Mustallar dende o Piornedo!


Enredamos moito no cumio: disfrutando das vistas, sacando fotos, falando cuns excursionistas asturianos... Pero había que volver! Como de costume, eu vou buscando o seco mentres que Anxo prefire baixar pola neve para descansar os xeonllos.


Chegados ao collado víamonos con forzas, así que aínda que non entraba nos nosos plans subir ata Penalonga, decidimos completar a actividade coa sua ascesión. Dende alí podiamos disfrutar de Mustallar dende outra perspectiva.
Boa parte do percorrido fixémolo pisando neve que comezaba a rebrandecer, o que nos facía alentar considerablemente.


Dende a redondeada cima do Penalonga vemos enfronte o Mustallar e apreciamos ben a diferencia de altura entre ambas montañas.
Con neve compre non intentar arrimarse moito ao cortado deste cumio, pois a súa forma pode facernos de tobogán. Polo resto non presenta ningunha dificultade que mencionar, ambos cumios son aptos para toda a familia se estamos en forma.


O camiño de volta é o mesmo que o de ida, pero pola mañá non nos fixáramos neste pozo xunto á cabaña del extremeño.



E como tiñamos tempo, fomos fixándonos en máis cousas que á mañánciña se nos pasaran por alto, como as laxes pulidas polo antigo glaciar, onde se ven as marcas talladas polas rochas arrastradas no xeo.


E de novo en Piornedo, unha aldea que nos gustou moito pola súa autenticidade. Ao contrario que O Cebreiro, que está completamente turistificado e onde só se atopan tendas de recordos. Piornedo é unha aldea con todas as da lei, onde os seus habitantes siguen facendo a súa vida e non só se adican ao turismo.


As pallozas transportannos a outros tempos nos que a vida aquí non debía ser nada doada. Este é o lugar idoneo para disfrutar delas, pois é onde perviven máis casiñas co teito de palla de todos os Ancares.


En resumo, unha ruta duriña polo desnivel a salvar, pero que en canto a dificultade técnica é apta para calquera persoa acostumada a andar na natureza. As vistas dende os cumios son magníficas, e o propio punto de partida é un aliciente máis. É posible facer numerosas variantes, como a que fai a cresta entre o Mustallar e o Pico Lagos, pero optamos por esta versión máis sinxela en presencia de neve.

Ningún comentario:

Publicar un comentario