Ascensión a Pena Trevinca (2.127 m) e Pena Surbia (2.116 m)

Data: 24 de marzo de 2016
Lugar: Serra do Eixe (Ourense)
Lonxitude: 18 km
Desnivel acumulado: 750 metros
Dificultade: Difícil
Track: Wikiloc

Subida a Pena Trevinca, completamente nevado
Ascensión a Pena Trevinca, a maior aventura que levamos ata o momento: o teito de Galicia e en condicións practicamente invernais!
Todo un reto para nós: xente de costa, que só vimos a neve un puñado de veces na vida. Pero había ganas de estrear os crampóns e, sobre todo, facer algo diferente.

Sairamos esa mesmo día do Barbanza, e aínda que madrugaramos bastante, entre unha cousa e outra non puidemos empezar o roteiro ata as 10 da mañá.
Comezamos a ruta na zona mineira de La Cabrita, a 1700 metros. Trátase dunha explotación de lousa das moitas da zona, que esta severamente degradada, pero as canteiras axiña quedan atrás ao comezar a andar.
Xa dende un principio nos atopamos con neve. A esas horas estaba dura, polo que non se nos facía moi incómodo camiñar sobre ela (logo, outro galo cantaría). O primeiro punto significativo do percorrido é o Alto da Cabrita, dende onde xa se pode distinguir Pena Surbia á esquerda, Pena Negra a dereita, e entre ambas alcánzase a ver un cachiño de Pena Trevinca.


Pouco a pouco, fomos avanzando. Ao chegar ao Portillo de Portas, tivemos que tomar unha decisión: ir primeiro a Pena Trevinca, ou intentar facer os tres cumes comezando por Pena Surbia. Escollemos isto último, sobre todo porque Pena Surbia quedaba máis preto, e así asegurabamos un dousmil, que non estabamos moi seguros das nosas posibilidades.
Así que calzamos os crampóns, e para riba! Aquí esquecémonos un pouco do gps e o suposto camiño que viñamos seguindo, e metémonos a máxima pendente. A neve comezaba a reblandecer e nós a resoplar.


Despois desta dura pala de neve, chegamos a un alto case chan, dende onde xa se divisaba o hito de Pena Surbia.


Primeiro cumio: 2116 metros! E que ben se estaba: sen vento, temperatura agradable...


A vertical cara norte de Pena Surbia forma un impresionante avismo que se abre ante nós e nos mostra unhas vistas despexadas, nas que cremos chegar a ver ao fondo os cumios, aínda nevados, do Courel.


Pero o que máis nos chama a atención é a arista de Pena Negra e, ao fondo, Pena Trevinca. A intención era seguir esa cresta, xa que en teoría non perdes tanta altura e así tamén faciamos outro pico. Pero impoñíanos un pouco e, como era a nosa primeira vez nestas tesituras, preferimos non arriscar.


E iniciamos a baixada ao val, rumbo Pena Trevinca. En fronte, a cresta de Pena Negra que logo deixariamos á nosa dereita.


Con tanto sol a neve cada vez era máis papa, pero puidemos ir seguindo as pegadas doutra xente, o que moitas veces facilitaba as cousas. A paisaxe encántanos, non estamos acostumados a tanto branco!


Na imaxe anterior, alcánzase a distinguir ao fondo as pegadas do ascenso. Unha vez máis escollemos a ruta más inclinada, e atopámonos cunha pala ben empiñadiña na que, por seguridade, nos volvemos calzar os crampóns. Para min foi como poñerme o turbo.

Despois de resoplar outro pouco, saímos ao collado entre Pena Trevinca e Pena Negra, e xa vimos o obxectivo do día ao alcance da man. 


A última costa, xa case!!


E por fin!!! Pena Trevinca!!! Unha foto dos dous sobre a súa mitiquísima cruz tumbada. Aquí xa non se estaba tan ben coma en Pena Surbia, sopraba o vento, e tivemos que vestir toda canta roupa levabamos.


Como refrescaba, era tarde, e aínda nos quedaba todo o camiño de volta, apurámonos a quitar unhas cantas fotos para comezar o descenso. Como por exemplo o buzón do cumio, que nin chegamos a abrir coas présas.




As vistas dende Pena Trevinca cara Zamora: a Serra da Culebra, Val do río Tera, Sanabria...


E sen entreternos moito, decidimos iniciar a volta. Eran case as 4 da tarde, o sol poñíase ás 7.40... Daquela pensamos que nos sobraba tempo. Coitadiños, non sabiamos aínda o que nos esperaba!


Todo o val que tiñamos que atravesar, xa que iamos esquivar Pena Surbia.


Vista atrás...
Aínda que chan, este foi un dos tramos máis duros: a camiñata polo val. A neve rebrandecera moito, e afundiámonos a cada paso, sobre todo Anxo, que por momentos tivo a perna completamente enterrada.
Tamén moi duro psicolóxicamente, ao estar todo branco parecía que non avanzabamos nada, só me cansaba máis e máis...


Logo da que foi a última gran costa para volver a Portillo das Portas, eu xa estaba completamente rota. Pero aínda quedaban un par de longas horas...


Grata sorpresa, aí abaixo están o lago e a lagoa de La Baña, que visitaríamos ao día seguinte. Velaquí a reportaxe.


Fíxoseme eterna a volta, e chegamos coa posta do sol, moi no límite (de luz e de forzas). Foran 10 horas de ruta en neve.



A modo de resumo temos que dicir que 18 kilómetros por neve branda e sen raquetas son unha putada demasiado, pero que carallo... estivemos no teito galego! Tanta pancada de neve era unha novidade, pero cando se me recuperen as pernas penso cramponear outra vez!

En canto ao track subido, hai que ter en conta que ca cantidade de neve que había, podíamos ir por calquera lado. Sen ela, o camiño seguramente sexa outro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario