Monte Tahume

Data: 30 de xaneiro 2016
Lugar: Olveira, Ribeira.
Lonxitude: 10 km
Desnivel acumulado: 260 metros
Dificultade: Fácil
Track:  Wikiloc

Mirador do monte Tahume
Quen algunha vez fora pola estrada Ribeira - Corrubedo seguro que se fixou nuns penedos que sobresaen no horizonte. Pois aí é a onde nos diriximos hoxe: O monte Tahume, un pico pequeno e discreto, pero que pola sua proximidade ao mar e a súa situación figurando como un espolón na punta da península do Barbanza, ben merece unha visita.

Nun principio plantexámonos comezar a ruta dende máis lonxe pero, como o día pintaba mal metereoloxicamente falando, optamos por acurtar un pouco e comezar dende a aldea de Teira. Aparcamos o coche e comezamos a andar por un pinar que aínda se está a recuperar dun recente incendio (o típico nesta terra).


De forma continuada vaise collendo altura, crúzase a estrada, e nun alto vemos máis de preto o monte Tahume, que dende este lado non se ve tan afiado. Pódese subir directamente dende aquí, pero entón non o sabíamos e seguimos a ruta máis habitual.


Agora a pista cruza faldeando a ladeira do propio monte, e danos as primeiras vistas sobre o mar, que hoxe está especialmente revolto.


Seguindo esta ruta máis habitual, topámonos coa desagradable sorpresa de que pasa pola estrada que chega case ata o cima deste pequeno monte. Omitimos esta parte por tediosa, xa que logo descubrimos varias alternativas.

Unha vez arriba, despois do obrigatorio aparcamento e antena de telecomunicacións, chegamos á parte do cumio. Trátase dunha morea de grandes bloques, que foi "urbanizado" con algun tramo de cemento e unhas varandas feitas con corda, e que faltan na súa maioría.


Se non fora por esta manía nosa de meterlle piche e cemento a todo, o pico tería o seu ambientillo pese ao reducido das súas cifras. Unha gran cruz metálica e un vértice xeodésico sinalan o que se considera o cumio.


A 242 metros (ou 227, segundo miremos) ao pé mesmo do mar as vistas son privilexiadas, pois a atalaia que forma esta morea de bloques sobresae sobre todo o que o rodea, permitíndonos ver nun día despexado tanto a ría da Arousa como a ría de Muros e Noia, ata incluso Fisterra ou as Illas Ons. 


Mágoa que o fortísimo vento non nos permitira disfrutar moito do lugar. Aínda cubríndonos a cabeza, non deixa de toleárnola.


Rebuscando polas pedras atopamos o que buscabamos: unha subida alternativa que, meténdose entre as pedras, evita a estrada e accede de maneira máis directa ao cumio. Esta quédanos pendente para outro día.


Como se ve no track, a baixada realizámola pola outra vertente, escapando do asfalto e do insoportable vento, sendo esta unha ruta moito máis recomendable tamén para a subida, aínda que con menos "vistas" ata a súa parte final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario