Lago Truchillas - Pico Vizcodillo (2.121 m)

Data: 11 de abril 2015
Lugar: Sierra de la Cabrera (León)
Lonxitude: 16 km
Desnivel acumulado: 920 metros
Dificultade: Media
Track: Wikiloc (ruta seguida por nós)

Cima do Vizcodillo
Planeando a viaxe a Sanabria fixámonos na zona de Sierra de la Cabrera, concretamente nun lago: Truchillas. Vímolo no mapa, parecía estar situado nun enclave espectacular e ter un tamaño considerable. Ademáis disto tiña preto un dousmil, o pico Vizcodillo.
Buscando rutas en wikiloc atopamos o track que propoñemos, e que acabou sendo un dos roteiros que mellor sabor de boca nos deixou.

Comezamos nun aparcadoiro preto do pobo de Truchillas. Dende alí xa se pode ver un circo glaciar, que alberga un lago. Oh sorpresa! Non era onde nos dirixiamos.



O primeiro tramo da ruta é unha pista sen perda algunha, que apenas ten pendiente e serve como quecemento para o que nos agarda.


A pista deixa paso a un estreito sendeiro que se cola entra a vexetación. É a partir de aquí onde o camiño colle inclinación, o sol ía levantándose e a roupa comezaba a sobrar (aínda que non por moito tempo). Á nosa dereita asomaban as moles que forman o circo do lago e esconden o propio Vizcodillo.


Chegamos á famosa Cuesta Millín que, por comentarios previos, me imaxinaba moi dura, pero que non resultou ser máis esixente que o resto. A medida que gañabamos altura, os arbustos substituían ás árbores, e a paisaxe comezaba a abrirse (foto realizada á baixada).


Despois de toda a ruta preguntándonos onde estaría o lago, de repente alí apareceu! As fotos non conseguen reflexar o seu tamaño, nin o impresionante dos muros do circo glaciar que o pechan. 


Na foto da esquerda pódese apreciar unha fervenza que, polo menos ese día, arrastraba pouca auga. E na imaxe da dereita, distínguense dúas persoas que axudan a darlle escala á paisaxe.


Quedaban 300 metros de desnivel desde o lago ata o pico Vizcodillo, así que despois dunha paradiña puxemos rumbo á cima do día. Gañamos a parte alta do circo por un camiño apicuado, para logo camiñar por unha zona bastante incómoda, aínda que á baixada atopamos o camiño bo (nada que ver!).

A cima está composta por unha morea de bloques soltos que hai que superar para chegar ao seu vértice xeodésico. E aí estabamos, a 2.121 metros de altitude! Non podía faltar a foto de cumio,  e contemplar as vistas que dende alí arriba se abrían: Pena Trevinca, Sanabria e Montes de León. E como o día ameazaba con torcerse, tiramos rápido para abaixo, sen fotos desas vistas. Quen as queira ver, xa sabe o que ten que facer ;)


Nesta parte alta aínda quedaban grandes neveros, que supoñemos que farán máis interesante a paisaxe que na época estival.


Aínda que hai unha versión circular, nós optamos por descender polo mesmo camiño.


De volta por Cuesta Millín e co cansancio ao lombo, as pedras soltas do camiño deron a súa lata.


E xa chegando de volta ao aparcamento, mallada pero sorrindo, o roteiro non puido saír mellor.


A modo de resumo, esta é unha ruta moi agradecida, non esixe moito, sen dificultade técnica e que sen embargo ten todo o sabor da alta montaña: lago, circo glaciar, un dousmil... E todo isto por menos de 1000 metros de desnivel!

Ningún comentario:

Publicar un comentario